La Voz de Galicia – 24 de mayo, 2024 →
Non sei que andaba buscando, pero naquel momento era ben importante. Removín todo o que tiña na casa na busca daquela cousa, que non sei que cousa era, porque no momento que abrín a caixiña dos reloxos non puiden facer outra cousa que pararme a pensar neles. Estaban alí todos, aburridos, sen corda, sen pila, mirando para min, como dicindo «e logo que facemos aquí, parados no tempo?». Entón comecei a pensar en cando foi a última vez que levei no meu pulso un reloxo. Eu, a filla do xoieiro, cando deixei de utilizalos? Alí estaba o reloxo que tanto me custou conseguir do meu pai, un reloxo de home que levei posto durante moitos anos. Tamén estaban os meus reloxos de vestir, eses que tan ben quedaban coa roupa dos concertos. E o meu Cuervo y Sobrinos de peto e de corda, que me acompañara nos meus últimos anos nos escenarios. Estaban os reloxos bos e os malos, os de diario e os de festa, todos xuntos nunha caixiña. E eu esquecérame de todos eles, ao igual que me esquecera da que era eu cando os levaba.
É curioso pensar na memoria dos obxectos. Eses reloxos quedaron aí conxelados na miña memoria, marcaron un tempo da miña vida, e agora son xoias invisibles que ninguén usa. A cantidade de información que conteñen as cousas que gardamos é algo que sempre me fascinou, pois unha vez morramos esa información morre con elas, e todo perde sentido, ou se cadra colle un sentido diferente ao orixinal.
Ao final non atopei o que andaba a buscar, pero ese encontro fortuíto cos reloxos do pasado deume para reflexionar sobre a présa coa que vivía cando andaba con eles, e sobre a importancia de sentir o tempo presente en vez de ir correndo cara un tempo futuro.