La mente

La Voz de Galicia – 1 de marzo, 2026 →

Cristina PatoNo meu outro traballo, o de conectar as ciencias e as humanidades a través das artes, levo un par de anos traballando co científico Kenneth S. Kosik nunha clase que serve de ponte entre a neurociencia e a literatura. Os estudantes, de ciencias, achéganse aos clásicos da literatura a través da perspectiva da neurociencia, pois como di Kosik “durante séculos a literatura trazou un camiño paralelo ao da investigación neurocientífica do comportamento e das emocións coas súas tramas e personaxes, usando a poderosa ferramenta das palabras para profundar na mente humana”.

Esta semana, na que as lecturas literarias asignadas eran o Bartleby de Melville, e O estranxeiro de Camus, mais un artigo dos neurocientíficos Thornton, Weaverdyck e Tamir, que comeza dicindo: “A vida social obriga ás persoas a predicir futuro: debemos prever o que os demais pensan, senten e fan para poder interactuar con eles con eficacia”, deume por pensar nos mil e un xeitos que temos de habitar e sobrevivir nesta sociedade que construímos ao longo dos séculos.

Quizais Bartleby e Meursault (O estranxeiro) teñan moitos trazos en común. Quizáis non son capaces de “predicir o futuro” para poder interactuar, ou deixaron de querer facelo, desconectándose do mundo. En realidade non o sabemos, e esa é a beleza das dúas obras, a súa ambigüidade. E aínda que falemos de diversidade neuronal ou de apatía, a verdade é que, como a Meursault, ninguén nos libra de ser estranxeiros da nosa propia vida ou da que nos rodea; ou de acabar como Bartleby deixando de lado todas as nosas obrigas coma seres humanos… Pois as nosas mentes son sumamente complexas e, ás veces, imposibles de entender.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.