La Voz de Galicia – 30 de octubre, 2020 →
Decidín parar no parque, a medio camiño, porque para variar cargara de máis as bolsas do súper e xa me doían as articulacións. Sentada nun banco quedei pasmando coa cor amarela das follas das árbores, coa luz que emitían nun día tan gris; e entón vino pasar, co seu carriño de sempre, coa súa elegante figura… E coma nesta época da miña vida a présa non me leva a ningunha parte, decidín quedar alí un pouco máis, mirando á nada, e mirándoo a el, o varredor.
O señor varredor non ten poucos anos. Leva tempo traballando polo meu barrio, e sempre me chamou a atención o xeito que tiña de facer o seu traballo: co seu inmaculado uniforme, e con moito respecto, limpa e recolle tódalas cousas do chan, e cada un dos seus xestos ten o seu ritmo, a súa beleza.
Hoxe, despois de recoller unha lata do chan, sentou nun banco do parque. Mirou para as follas amarelas, e cun sorriso na cara sacou o seu xel desinfectante, limpou as súas mans, sacou un manteliño de tea que puxo nas súas pernas, colleu a súa friameira e xantou, observando á nada do mesmo xeito que o facía eu, así, de pasada. Ao rematar desfixo o ritual, e, despois de recoller meticulosamente os seus cubertos, achegouse de novo ao carriño para coller un utensilio no que eu aínda non reparara: un bote de colonia. Perfumouse con disimulo e continuou afablemente o seu traballo.
Volvín a casa xusto despois, e logo de colocar a compra no sitio, nun día no que todo parecía gris, decidín cambiar o chándal co que levaba varios días por unha camisa de flores, e tamén me perfumei. E por algunha estraña razón, nese momento sentín que por fin podería asumir o que tiña que facer hoxe: escribir esta columna.