La No Violencia

La Voz de Galicia – 2 de octubre, 2020 →

Cristina PatoHoxe pensaba na idea de que ser amable xa parece unha acción radical. Pensaba na xente boa que me fun atopando nestes meses, e na sensación que lle produce a unha que alguén sexa amable e bondadoso porque si. E tamén pensaba no normalizada que está a violencia verbal (e física) na nosa sociedade, e no pronto que nos acostumamos a aceptala, aínda que non ofrece ningunha solución aos nosos problemas, nin tampouco nos fai sentir ben.

Hoxe celébrase un deses días internacionais que se supón que nos axudan a lembrar as cousas importantes: o Día Internacional da Non Violencia, que conmemora o aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi. E precisamente nestes tempos, nos que parece que enfadarse, discutir e arremeter contra todo está á orde do día, deberiamos recordar máis ca nunca as palabras que se lle atribúen: «Somos o reflexo do mundo. Tódalas tendencias actuais do mundo exterior atópanse no mundo do noso corpo. Se puideramos cambiarnos a nós mesmos, as tendencias do mundo tamén cambiarían…».

As Nacións Unidas estableceran este día co desexo de «asegurar unha cultura de paz, tolerancia, comprensión e non violencia», pero quen son os responsables de facelo? Quen dos nosos líderes políticos ou referentes culturais predica coa empatía, a bondade e a xenerosidade? E quen os escolle?

Nós somos o problema e tamén a solución. As inxustizas diarias, as incertezas, o medo ao virus, ou o medo a perder o pouco que temos lévannos, pouco a pouco, a caer na indolencia e na irascibilidade. Pero tamén podemos ser amables. Podemos, polo menos, xerar o cambio en nós mesmos para facer do noso micro mundo particular algo mellor… Por algo teremos que empezar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.