La normalidad

La Voz de Galicia – 4 de octubre, 2024 →

Cristina PatoDurante moitos anos viaxou comigo a todas partes, e hoxe, ao cambiar de neceser, saqueina de alí e pouseina no estante, coma unha escultura. Cheira a rancio, e xa non serve para nada máis que para conter a lembranza daquel momento no que a miña nai, a que nunca gastou máis que un par de euros en cousas de beleza, sacou do seu peto unha barra de labios de Christian Dior de cor vermella. A miña memoria non é de fiar, pois volvín a ela tantas veces que xa non sei se o que lle dixen é o que penso que lle dixen ou o que realmente lle dixen. Pero lembro a sensación, pois aquel foi un sinal máis daquela cousa á que non lle atopamos nome durante uns anos. Aquela cousa que aínda nos acompaña, pero que agora aceptamos como normal, porque é normal.

Aquel día a Maruxa díxome que tiña os beizos secos e que entrou a unha tenda e mercou unha barra de labios, e eu, ao ver algo tan diferente ao que ela adoitaría a mercar, pregunteille canto lle custara, e ela dixo que dezaoito euros, e eu expliqueille que dezaoito euros eran tres mil pesetas, e ela mirou para min asustada, e preguntoume que por que a comprara se o vermello non lle gustaba. Podería ser un lapsus, unha parvada sen importancia. Pero agora sabemos que a perda da memoria e a demencia, co apelido que sexa, ten tantas formas de manifestarse como persoas hai no mundo, e é tan diversa coma nós…

E agora, coa barra de labios aí pousada, penso no que escribín hai un par de semanas sobre acumular obxectos que «cargan coa memoria dun momento», e sei que non quero desfacerme dela, pois se teño sorte e chego a vella probablemente acabe mercando unha, igual que fixo a miña nai, porque a demencia xa será normal…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.