La verdad

La Voz de Galicia – 18 de enero, 2026 →

Cristina PatoDicía o filósofo e psicólogo norteamericano William James que “non hai nada tan absurdo que non se poida crer como verdade se se repite con suficiente frecuencia ”. E aínda que James morreu hai máis de cen anos, unha non pode deixar de pensar no ben que define esa frase o momento histórico no que estamos. Pois que é a verdade hoxe en día? Se cadra é aquilo que nos din que temos que crer porque o xeito no que nos amosan os feitos empúrranos a entendela como eles din que temos que entendela. Ou se cadra é aquilo que decidimos crer unha vez temos todos os datos para contrastar e establecer unha versión propia desa verdade. Sexa cal sexa a resposta, non podemos esquecer que eses datos, eses feitos cos que construímos a nosa versión da realidade, xa chegan a nós mediados por unha forza invisible que fai que vexamos as cousas desde un punto de vista concreto: ese que os políticos, os medios ou os algoritmos deciden para nós. E cada vez mais, a verdade dun mesmo suceso é imposible de ver, pois hai tanto ruído arredor dela, tanto absurdo, que unha chega a cuestionar se a súa lectura da realidade é realmente a verdade.

Vivimos nese absurdo do que fala James. Na era da información, as verdades, mentiras, e invencións conviven todas xuntas nun mesmo universo no que xa é imposible discernir que é real e que non o é. E nesa absurda realidade, temos que tomar unha decisión, a poder ser propia, sobre a verdade que queremos crer para poder seguir vivindo nun mundo que xa supera con creces calquera versión distópica da condición humana. A busca da verdade é algo tan fermoso coma complexo, forma parte de nós, pero hoxe máis ca nunca é case imposible chegar a ela.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.