La vida continúa

La Voz de Galicia – 8 de noviembre, 2024 →

Cristina PatoO pasado martes, o día das eleccións nos Estados Unidos, cruceime cun veciño do meu barrio de Nova York e, como non, falamos do que podería pasar esa noite. E logo de arranxar o mundo durante vinte minutos, rematou dicindo, con esa actitude dos neoiorquinos que xa viron e viviron de todo: «Pase o que pase, a vida continúa, para mellor ou para peor, a vida continúa». E eu seguín paseando coa miña cadela, pero a frase quedou aí, na miña cabeza, dando voltas, resoando, «a vida continúa», con todo o que iso implica.

O Xan e máis eu levamos vinte anos neste país, chegamos cando gobernaba o republicano George W. Bush, vivimos de cerca a emocionante chegada do demócrata Barack Obama, a inesperada vitoria de Donald J. Trump no 2016, e a volta ao poder dos demócratas con Joseph Biden no 2020. E agora vivimos tamén estoutra volta dos republicanos, cun Trump realmente reforzado, nunha vitoria que non todo o mundo foi capaz de ver vir.

«A vida continúa», pero que significa esta vitoria hoxe? A quen lle cambiará dramaticamente a vida este cambio político? E como serán eses cambios a nivel nacional e a nivel global? Se cadra esta é a grande incógnita deste capítulo da política norteamericana, pois se algo aprendemos de Donald J. Trump durante a súa campaña é que fará o que queira, como queira e cando queira.

Na sociedade dos extremos na que vivimos hoxe en día é difícil predicir o que pasará arredor de nós, é difícil non sentir que xa non temos ningún control sobre o que nos acontece. E quizais por iso, a idea de que, a pesar de todo, «a vida continúa», é a única certeza á que nos podemos agarrar para seguir existindo nunha sociedade complexa e chea de contradicións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.