Las pequeña cosas

La Voz de Galicia – 21 de Julio, 2017 →

Cristina PatoCando a vou visitar volvo cunhas cantas plantas de tomatiños pequeniños, con figuriñas ananas dos meus ídolos da infancia, con pulseiriñas, gomas do pelo e pinciñas de cores. Cunha ou dúas ducias de ovos das súas galiñas, e cunha colección de bragas e calcetíns do verde do meu pelo. Ás veces tamén traio cabaciñas do tamaño dun basto, pero a meirande parte das veces o que trae e leva na súa colección de bolsas, que encaixan perfectamente unhas dentro das outras, son centos de cousas pequeniñas ás que Yolanda lles dá a importancia que realmente merecen na súa vida.

Aínda que me leva case dez anos, sempre que me preguntan por ela pregúntanme pola miña irmá pequena. Cun diagnóstico do espectro autista tardío, habitual na súa xeración, Yolanda foi capaz de levar adiante unha vida independente na que, rodeada de pequenas cousas, encontra a súa razón de vivir e o seu xeito de compartir. A través do miúdo, do que pode controlar, ela entendeu e redefiniu unha vida que nunca se lle presentou fácil.

E ela ensíname, a diario, que realmente son as cousas miúdas as que forman e moldean a vida dunha, non as grandes. Son os pequenos logros e as decepcións diarias as que fan que unha sexa como é. E son esas pequenas cousas que a cotío esquecemos celebrar, as que ao final fican na nosa memoria coma momentos máxicos e cheos de vida: a memoria das emocións puras.

Nesta pequena columna, nestes 1.700 caracteres con espazos, tentarei, cada semana, relatar e compartir as historias e experiencias que nacen de vivir no limbo das inquedanzas para así relembrar que o benestar nace no corazón da sociedade, no noso xeito de celebrar e compartir os pequenos grandes pasos que fan o noso día a día.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.