Leer el periódico

La Voz de Galicia – 31 de enero, 2025 →

Cristina PatoLer o xornal cada mañá é para min unha rutina. Faga o que faga, estea onde estea, sempre leo o xornal. Párome o xusto nalgunhas cousas, nada noutras, e moito nas que me interesan. Pero estas semanas, cada vez que abro o periódico, sinto que quizais sería mellor simplemente non lelo. Si, o mundo leva do revés desde hai moito tempo, e abondan as malas novas por todas partes, pero hai algo nesta etapa na que estamos, que fai que me estremeza acotío. Os discursos das dúas realidades nas que habito, os EE.UU. e Europa, son cada vez máis complexos, ou quizais todo o contrario, son cada vez máis binarios, e precisamente por iso unha non sabe moi ben cal é o seu rol nesta sociedade actual na que todos senten que o que estea fóra da verdade única de cada un non é aceptable, e con esa premisa non hai diálogo posible.

Entón penso nos Homes ocos de T.S. Eliot e nos seus versos: «This is the way the world ends/ Not with a bang but a whimper», («Así é como acaba o mundo/ Non cun estoupido senón cun lamento»), e fico mirando á nada tentando non pensar en todas aquelas persoas que coñezo a un lado e outro do mundo que agora mesmo o están a pasar francamente mal. E baixo a cabeza e sinto a impotencia de non saber que facer, e pregúntome cara onde nos levará isto, e entón tamén sinto medo, pois non hai máis que mirar cara os últimos cen anos de historia para decatarse de que ao igual que avanzamos en moitas cousas, seguimos sendo os mesmos «homes ocos». Esquecemos que nun chascar de dedos o mundo pode dar a volta, e todo aquilo polo que loitaron os que viñeron antes ca nós pode desaparecer nun segundo… Iso é o que pensaba esta semana cada vez que lía o xornal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.