Los Muchachos

La Voz de Galicia – 6 de diciembre, 2024 →

Cristina PatoOurense é unha cidade complexa, coma tantas outras, onde conviven moitas realidades paralelas que non sempre se tocan ou se recoñecen. E esta semana, ao sentarme a ver a serie documental de Elías León sobre El Circo de Los Muchachos, non paraba de pensar precisamente niso. Benposta, a Cidade dos Muchachos, está a cinco quilómetros da miña casa, e o círculo musical no que me criei levoume a visitala varias veces. Pero, a pesar de estar tan cerca, o único que sabía dela era un pouco da súa historia, un pouco do Padre Silva, e un pouco dos titulares que inundaron os medios locais a finais dos noventa. Vendo a serie pensei que nunca me preguntara sobre as vidas daqueles que viviron alí durante anos, as vidas dos que viñeron de cerca e de lonxe para formar parte dun proxecto educativo que no seu día foi pioneiro. E aínda que quizais na miña adolescencia musical me crucei con eles, supoño que daquela non era consciente, ou non tiña a capacidade para entender a complexidade das historias daquelas persoas que habitaron aquel lugar.

Para min a serie é unha metáfora fascinante de moitas das cousas que consideramos propias da nosa idiosincrasia. É tamén unha homenaxe a aqueles muchachos que fixeron historia percorrendo o mundo coa súa disciplina e as súas acrobacias. E a pesar de que a historia do lugar que a viu crecer e a evolución do seu fundador estará sempre tinguida de dúbidas polos seus últimos anos, eu quero quedar coa idea de que as outras Benpostas, as que se adaptaron ás realidades cambiantes, como as de Colombia ou a CEMU de Leganés, seguen a facer un labor fundamental inspirado precisamente nesa utopía que foi a Benposta que xa non é.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.