Maestra música

La Voz de Galicia – 18 de Agosto, 2017 →

Cristina PatoA empatía é algo difícil de ensinar; aprender a identificarse cos sentimentos do outro require esforzo e intención, e sobre todo require ser capaz de escoitar con todos os sentidos para poder percibir as emocións que son imposibles de ser contadas.

E é aí onde a música xoga un papel fundamental, pois axúdanos a facer sentir as emocións doutros, e se a iso lle sumamos a memoria cultural que de seu levan as obras musicais, entón entramos no incrible universo de sensacións que fai que a música forme parte da nosa existencia como especie. A música é parte da celebración da vida, achega paixón e creatividade e conta a historia dun pobo: como vive, como se relaciona e cales son as historias que o fan ser como é.

Segundo Yo-Yo Ma, o mentor que me abriu as portas ao redeseño da educación a través das artes na Universidade de Harvard, as catro calidades necesarias para sobrevivir no mundo laboral son a colaboración, a flexibilidade, a imaxinación e a innovación. A súa dúbida é que, se o noso sistema educativo está deseñado para adquirir coñecemento e pensamento crítico, que estamos a facer para que os estudantes desenvolvan esas catro calidades tan necesarias para a vida?

A música exercítaas de xeito natural, e se fósemos capaces de incluír a práctica musical no sistema educativo, a seguinte xeración desenvolvería non só esas capacidades, senón tamén a empatía. Quero pensar que unha sociedade que non só goza da música, senón que respecta a súa función como motor da nosa identidade, é posible, e quero poder ver como as institucións entenden que as artes son tan transcendentes que privar a unha xeración delas, no sistema público, podería traer consecuencias graves no noso xeito de entender ao próximo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.