Máquinas

La Voz de Galicia – 20 de mayo, 2022 →

Cristina PatoLevabamos sete horas no aeroporto, sabiamos que desta tampouco poderiamos saír, xa que a tormenta aínda non pasara no aeroporto de destino. Así que fomos buscar algo de comer. Na mesa do restaurante había un código QR para ver o menú, e na barra unha persoa, e na pantalla un menú, e non había moita xente, así que fun pedir á barra, pois supuxen que o do QR era algo que quedara de cando na pandemia non podías ter unha carta na man. Pero a persoa comunicoume que o único xeito de encargar comida era a través da aplicación, e que tiña que pagar así tamén. Entón decateime de que absolutamente tódalas interaccións que tivera no día foran con máquinas: no teléfono para cambiar o voo que fora cancelado, no aeroporto para o check-in dos outros voos nos que estabamos en lista de espera, na porta de embarque (mirando á pantalla de enriba dun humano) para saber se finalmente nos aceptaran no seguinte voo, no restaurante… E en tódolos casos, cando lle facía a pregunta á persoa ao lado da máquina, a resposta era que a máquina tiña a información, non eles.

E foi aí cando lembrei a charla TED de Sherry Turkle, a psicóloga e investigadora da socioloxía da ciencia e da tecnoloxía no MIT, que no 2012 falaba da idea de que estamos «conectados pero sós», da súa teoría de que «esperamos máis da tecnoloxía do que esperamos do outro», e de como iso «cambia o que somos». E pensei no rápido que nos adaptamos á noción de que xa non podemos solucionar nada sen ela, aínda que teñamos todo arredor de nós, e no que significa iso no noso futuro como especie. Pois hoxe, aínda que non queiramos, a máquina está no medio, e nós, impotentes, desaprendemos cada día como navegar a vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.