Marcharse

La Voz de Galicia – 4 de xaneiro, 2026 →

Cristina PatoPasadomañá acabáronse as festas, e ao igual que chegaron, alá marcharon. Un Nadal máis, un Nadal menos…. O ritmo do tempo durante estas semanas é algo que aínda non son capaz de comprender ben. Expándese e contráese segundo o día e as circunstancias. Ás veces sinto que non dá chegado o momento, e outras veces sinto que o momento pasou tan rápido que non sei se fun quen de dixerilo.

Para os que vivimos a cabalo entre dúas realidades, dúas cidades ou dous países; para os que temos seres queridos nun lugar diferente ao lugar no que moramos, e ademais temos a fortuna de poder pasar con eles as festas, semella que o tempo ten vida propia. No meu caso, en decembro, esperaba contando os días para poder abrazar á miña nai (e ás miñas irmás, e ás miñas sobriñas), días que, canto máis se achegaba a viaxe de ida, parecía que se facían mais longos. E de súpeto chegou xaneiro, e no momento de facer a maleta de volta a esoutra vida paralela penso que eses días desexados pasaron tan rápido e foron tan frenéticos que, a pesar de que desfrutei de momentos realmente fermosos coa miña xente, semella que foi antonte cando cheguei á casa da miña nai chea de ilusión por pasar tempo xuntas, cando a realidade é que pasadomañá marcharei chorando coa sensación de que por moito que for, non foi suficiente.

O tempo fai iso. Estírase, encóllese. Canto máis rápido queres que pase, máis lento vai, e canto máis lento queres que flúa, voando vai, coma un suspiro. Pensei que despois de dúas décadas vivindo entremedias, practicando ese chegar e marchar, sería capaz de dominalo, pero a realidade é que cada día son máis consciente de que cos anos esa sensación non mellora…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.