Máscaras

La Voz de Galicia – 15 de febrero, 2026 →

Cristina PatoNestes días de entroido sempre me dá por pensar nas máscaras e disfraces que levamos connosco acotío: esas que poñemos enriba para soportar a vida. A máscara da alegría cando todo vai do revés, a máscara da dureza cando nos sentimos atacados, a máscara da vida social cando non temos ganas de ver a ninguén, a máscara do traballo cando non hai enerxía para facelo. Eu mesma cargo cunhas cantas que me axudan a funcionar, pois coido que ás veces é mellor pór a máscara e tirar cara adiante, que quedar exposto cos teus propios medos, dramas ou pensamentos. Non sempre é bo, pero hai días que unha non ten outra opción: ou pos a máscara ou non saes da casa.

Pero neste domingo de entroido, nestes tempos tan convulsos, no que cada día sorprendémonos cunha nova máis complexa ca anterior, pregúntome de que vai disfrazado o mundo. Cal é a máscara desta Europa dividida? Cal é o disfrace dos polarizados Estados Unidos? As comparsas do extremismo campan por todas as rúas do planeta facendo un ruído atronador. Tanto ruído fan, por tantas vías, que por desgraza algo vai quedando, e pouco a pouco, sen decatarnos, acabamos rodeados deses macabros disfraces, no medio dunha comparsa infinita guiada por unha retórica cada vez máis radical, e da que cada día é máis difícil escapar.

Entre as máscaras da nosa vida diaria tamén está a máscara da supervivencia. Esa adopta moitas formas, dependendo do contexto. Ás veces axúdanos a ver as cousas con claridade, outras veces fai todo o contrario. E coido que, nalgunhas ocasións, consciente ou inconscientemente, esa máscara da supervivencia tamén pode acabar converténdose na máis paralizante de todas: a máscara da indiferenza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.