Palabras, palabras…

La Voz de Galicia – 10 de noviembre, 2023 →

Cristina PatoHoxe celébrase o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, un deses días internacionais proclamados pola Unesco que pretende «renovar o compromiso en favor da ciencia para a paz e o desenvolvemento» e fomentar «o uso responsable da ciencia para o beneficio das sociedades». E para min non deixa de ser curioso pensar no complexo momento no que nos atopamos a nivel global, e nesa idea de «ciencia para a paz», cando os conflitos arredor do mundo, entre eles os de Libia, Sudán, Congo, o Sahel, Myanmar, Palestina, Israel, Ucraína…, están a amosar que estamos máis que lonxe de «renovar» ese compromiso do que fala a Unesco. Por non falar do uso indebido das novas tecnoloxías para a polarización da sociedade. Sen dúbida é necesario pór en palabras ideas tan fermosas coma «ciencia para a paz», pero por que somos incapaces de poñer esas palabras en práctica?

Ao matinar sobre iso, veume á cabeza o vídeo daquela obra de arte que me ensinou o Xan o outro día. Old People’s Home, do ano 2007, é unha instalación dos polémicos, controvertidos e virais artistas conceptuais chineses Sun Yuan e Peng Yu, que inclúe trece réplicas humanas e hiperrealistas de xenerais do exército e líderes relixiosos e políticos de diferentes culturas, todos eles anciáns, sentados en cadeiras de rodas automatizadas e chocando os uns cos outros (e coas paredes) de xeito aleatorio nunha sala dun museo. As figuras non falan entre elas, e segundo a web dos artistas, «a escena aseméllase a un silencio colectivo». Pero cando volvín ver o vídeo, quedeime pensando na tristeza e o realismo desta metáfora sobre as estruturas do poder e sobre o seu brutal impacto na sociedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.