Paradojas

La Voz de Galicia – 11 de abril, 2025 →

Cristina PatoHai un relato curto de ciencia ficción do escritor estadounidense Ted Chiang ao que me deu por volver estes días. A historia chámase The Great Silence (O gran silencio), e está contada por un papagaio da selva onde se atopa o Radiotelescopio de Arecibo, en Puerto Rico, que se pregunta por que os seres humanos invisten tanto tempo e enerxía en intentar escoitar e comunicarse cunha posible vida extraterrestre cando aínda non son capaces de escoitar e entender a vida (non humana) do seu propio planeta. Ese «gran silencio» é tamén unha metáfora do «paradoxo de Fermi», a histórica contradición entre a idea de que non estamos sós no universo e o feito de que non temos probas de vida alén da nosa.

O papagaio di que «aos humanos gústalle crer que son únicos», e que «unha solución proposta ao paradoxo de Fermi é que as especies intelixentes intentan ocultar a súa presenza para evitar ser atacados por invasores hostís». E esa idea de esconderse leva dando voltas pola miña cabeza unha tempada: pois como podemos protexernos de todas as cousas que asolan a nosa existencia?.

Di a miña irmá Yoly que é mellor non ver as noticias, «total, son todas malas». E a miña nai, asustada polos conflitos internacionais, pregunta acotío con cara de medo «poranse de acordo algún día?». A verdade é que, como di o papagaio de Chiang, non nos preocupamos por escoitar ás especies non humanas, pero tampouco nos escoitamos a nós mesmos, os humanos. E a pesar do fácil que é comunicarse nos tempos modernos, semella que cada día estamos máis condenados a non entendernos. E iso si que é un paradoxo imposible de resolver, o paradoxo que nos está a levar por un camiño cada vez máis complexo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.