Parar para apreciar

La Voz de Galicia – 22 de noviembre, 2024 →

Cristina PatoEran dous cervos fermosos, grandes, maxestosos. Ían camiñando polo medio do aparcamento coma dúas criaturas estrañas fóra de contexto. O Xan dixo «mira!», e eu mirei, e quedamos os dous alí pasmando, observando como se movían entre os coches, e como desaparecían no mesmo momento que un deses coches arrincou o motor. Daquela non lle dera moita importancia ao evento, aceptárao coma unha das moitas cousas que poden pasar nun día calquera (coma se eu vira tantos cervos na miña vida!). Pero por algunha razón a imaxe quedou na miña cabeza, coma un soño, coma unha obra de arte, e agora, despois de dúas semanas, volve a min cada día. E nestes días nos que o inverno parece que xa chegou, nos que o gris supera ao verde, deume por pensar que na vida hai pequenos momentos de maxia que non sempre somos capaces de ver, ou que se os vemos non os consideramos máxicos, ou que imos con tanta présa que xa non os apreciamos. Deume por pensar que a nosa vida de hoxe xa é coma ese scroll infinito das redes sociais, coma esas series encadeadas das plataformas e das televisións. Que pasamos disto ao outro sen decatarnos, sen pararnos a reflexionar ou simplemente recoñecer o que acontece na realidade das nosas vidas.

O día dos cervos pasaron moitas cousas, marabilleime no momento (que serían, tres segundos?), pero logo seguín ao meu. E aínda así, a imaxe dos cervos volveu a min para lembrarme que, ás veces, se non paramos para apreciar as cousas, pode ser que pasen por nós sen deixar un pouso, que as esquezamos. Pode ser que vivamos coma nas redes, nunha vida chea de imaxes que van pasando sen contido… Pode ser que nos perdamos o que significa estar vivos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.