La Voz de Galicia – 7 de mayo, 2020 →
O Xan e mais eu, sempre que podemos, saímos a camiñar á beira do río ao final do día. Andamos paseniño, ás veces falando e outras veces completamente en silencio; ás veces pasmando e outras veces apreciando todo o que nos rodea. No paseo de onte, a luz era realmente fermosa, alaranxada tirando a rosada, cuns azuis que tiraban a amarelo, e unha pequena bruma que amplificaba a forza do solpor dun xeito tirando a máxico. «Hai tempo que non vexo un solpor así», díxenlle marabillada ao meu marido, ao que el me respondeu: «Hai tempo que non o dás visto así, pero estar está aí tódolos días…».
A verdade é que tiña razón. Polo que sexa, hai épocas nas que non sempre é doado celebrar esas pequenas vitorias que fan da nosa vida algo mellor, como apreciar as cores e a grandeza dun solpor. Ás veces está na man dun conseguilo, e outras veces hai que pedir axuda. Pero quizais agora, coas vacinas máis cerca de todos e a piques de rematar este estado de alarma, sexamos capaces de poder mirar cara adiante aprendendo a aceptar esta normalidade que aínda non coñecemos mentres redescubrimos todas esas cousas das que non puidemos desfrotar durante este ano.
É complexo asumir que todo cambia constantemente, nós incluídos, e tamén é complexo aferrarse á esperanza de que todo irá ben. Pero, como escribía Alexandre Dumas no seu Conde de Montecristo, «a vida é tan incerta que a felicidade debe aproveitarse no momento no que se presenta». Así que eu vou seguir practicando acotío eses pequenos rituais que cada un de nós constrúe para intentar achegarse un pouquiño a esa idea da felicidade, pois se cadra son esas rutinas as que nos axudan a ver o solpor con outros ollos.