Placas

La Voz de Galicia – 31 de mayo, 2026 →

Cristina PatoSon das que sempre se parar a ler as placas conmemorativas que hai nos edificios das cidades, esas que poñen “aquí viviu fulanito” ou “aquí morreu menganita”. Das que logo de ler a placa buscan o nome da persoa conmemorada, pois moitas veces esas placas citan a xente da que eu non sabía nada, e a través delas ábrese unha porta a unha realidade que descoñecía. Tamén son das que unha vez se abre esa porta non podo parar, e de súpeto obsesiónome coas persoas das placas do meu barrio (coma Jane Jacobs ou Emma Lazarus) e mergúllome até o fondo na literatura que hai sobre elas. E logo dese idilio inicial, esquézoas coma se esquecen as placas que a pesar de estar aí acotío, deixamos de ver ou ler ou prestar atención.

Pensaba niso o outro día, nunha desas exposicións de fotografía ás que vou co Xan, e que me lembran que a historia está chea de persoas con historias fascinantes e non sempre visibles. A exposición era sobre a evolución da edición na fotografía de celebridades, e incluía a actores e actrices de principios do século vinte. Entre elas estaba a incrible Hedy Lamarr, unha das iconas do cine dos anos trinta e corenta, pero tamén unha inventora que, xunto co pianista e compositor George Antheil, patentara un sistema de comunicación secreto centrado no salto de frecuencias que dalgún xeito é a base dos sistemas de comunicación actuais. De súpeto lembrei que hai uns anos tamén me obsesionara con ela, e que levo toda a vida así, atopando unha chispa, unha placa, un nome que me leva a interesarme por algo durante un tempo, para logo seguir tirando dese fío poderoso e invisible que se converteu no motor (e medicina) da miña vida: a curiosidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.