La Voz de Galicia – 6 de noviembre, 2020 →
No momento no que escribo esta columna aínda non se sabe quen será o próximo presidente dos Estados Unidos. Pero unha cousa si que está clara: o país está tan polarizado que unha xa non entende as verdades ou mentiras que fan que cada un decida a quen quere votar e porqué.
Volveron as sirenas e os helicópteros ao meu barrio. Comezaron o martes pola noite, pero non foi até o mércores cando o enxordecedor ruído dos motores deambulando polo ceo do Greenwich Village provocaron en min máis intranquilidade da que xa tiña. E é que regresaron as protestas ao corazón de Manhattan: protestas para protexer os resultados e defender a democracia, protestas para que se conten tódolos votos, protestas en contra do racismo e do fascismo, protestas en contra dos uns e a favor dos outros…
A verdade é que non teño moi claro que pasará nos próximos días, nin como reaccionará a sociedade. Supoño que todo dependerá de como se comporten os candidatos á presidencia que, por graza ou por desgraza, representan á metade da poboación, pois esa é a realidade na que estamos agora. E nestes meses nos que engulín a obra completa de García Márquez, non podo deixar de pensar na idea de que, entre a pandemia e a división política e social, o mundo está inmerso nunha especie de realismo máxico, tirando a tráxico, do que sabemos que tardaremos en saír (se é que non imos en círculos).
Neste lado do océano cada un sacará o peor de si para poder gañar. E no lado dos mortais que non compiten por nada máis que a supervivencia seguiremos preocupándonos en cultivar a paciencia e a esperanza, buscando algo que nos alegre a vida mentres soñamos co día no que poidamos deixar de lado as incertezas.