Rosalía

La Voz de Galicia – 21 de febrero, 2020 →

Cristina PatoFoi ela quen, desde a distancia, me axudou a entender o que somos; e cada vez que o penso sorrío, pois foron os seus versos os que me devolveron a Galicia. A súa Lúa Descolorida, musicada polo compositor ruso-arxentino Osvaldo Golijov, foi o meu talismán no principio da miña carreira profesional nos Estados Unidos, e grazas a ela cheguei a traballar co violoncellista e humanista que me cambiou a vida, o meu mentor Yo-Yo Ma.

Rosalía de Castro está en todos os que acotío utilizamos os seus versos sen sabelo, pois xa forman parte da nosa fala. Está nos que nos emocionamos cando descubrimos un significado novo, cando tocamos a súa Negra Sombra ou cando tentamos sentir as cousas do mesmo xeito que as sentiu ela, pois ela nos deixou a emoción da súa voz a través da poesía.

Rosalía de Castro está de aniversario o luns, e eu, para celebralo, tiña pensado mirar ao ceo pola noite para atopar a súa estrela. Pois aínda que a súa estrela leva guiándonos moito tempo, este pasado ano, grazas á iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Rosalía é tamén a estrela HD 149143.

A Casa de Rosalía anímanos a celebrala cun «caldo de groria» ou simplemente compartindo como os seus versos forman parte das nosas vidas. Así que eu lereina de novo, atoparei de novo a súa maxia nun verso diferente e escoitarei emocionada a Dawn Upshaw cantar a Lúa Descolorida que me cambiou a vida…

E desde aquí, «trocando en sonrisas queixiñas e choros», tentarei lembrar que «en cada rincón me aguardaba la esperanza sonriendo»… Rosalía: grazas por tanto.

1 Comment

  1. Rosa de NÓS e lu de eternidade
    Lúa redonda e pura : Rosalía
    Océano que canta
    Valente e mais teimuda , rosa erguida
    A Rosalía que foi chamada santa
    Cerne de nós , fontenla que dá vida
    A lúa inesgotable que nos canta
    O sendeiro de luz que nos convida …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.