La Voz de Galicia – 1 de julio, 2022 →
Esta semana escoitaba falar ao escritor Francisco Castro sobre a poética idea dos «seres de luz», sobre as «persoas luminosas», e durante un par de días quedei rumiando sobre o que significaba iluminar. Pensei nas persoas que alumean a miña vida acotío, e tamén nas cousas que provocan esa sensación en min: naquela novela, naquel poema, naquela andaina, naquela conversa… Entón lembrei O último romántico, a canción de Lulu Santos (que tamén popularizou Caetano Veloso), e pensei na cantidade de veces que musitei os seus versos: «Iluminar a vida. Já que a morte cai do azul». Supoño que sería porque esa idea, a de «iluminar a vida» sempre me fixo reflexionar sobre o momento no que estaba, sempre me sacou do meu propio labirinto…
E foi aí cando volvín a aquel outro texto que memoricei coma un rezo hai tempo, pois posúe algo intanxible, posiblemente luz. O poema de Borges Los justos, no que despois de enumerar a unha serie de persoas facendo cousas tan cotiás coma extraordinarias, remata cos versos: «Esas personas, que se ignoran, están salvando el mundo».
E esta semana, con todos eses mandatarios reunidos en Madrid, con todas esas persoas importantes falando de futuro e de seguridade con linguaxe bélica, unha non pode parar de recitar a Borges. Pois ben sabemos que os que «salvan o mundo» non son precisamente os do cumio, senón todos nós, acotío, co noso humilde xeito de «iluminar a vida». E que significa «iluminar a vida»?… Pois quizais, ao facernos esa pregunta, poidamos reflexionar sobre cal é a nosa responsabilidade no noso pequeno mundo, e simplemente con iso (volvendo a Borges) xa estaremos facendo máis por nós que os que din que o fan.