La Voz de Galicia – 15 de mayo, 2020 →
Esta semana lía unhas declaracións do xenial cineasta Oliver Laxe que me fixeron matinar moito: «Temos que decatarnos de que isto está estreitamente relacionado co noso xeito de estar e ser no mundo, baseado no facer e no ter, e non precisamente no ser e no estar». A súa entrevista fixo que me preguntase cantos de nós aprenderemos a ser e a estar durante estes tempos; cantos de nós seremos capaces de atopar a enerxía para, polo menos, corrixir os hábitos que sabemos que non nos conducían a nada…
Eu teño que confesar que estou máis cansa ca nunca. Algunhas das miñas sensacións nestes dous meses teñen sido semellantes ás que sentín hai sete anos, cando comecei a dicir que non a case todo. Lembro aquel proceso como unha mestura de cansazo e liberación: comecei a dicir que non ás cousas que tiña que facer para dedicarlle tempo ás que eu consideraba que eran as cousas que quería facer. Non fora unha decisión doada. E aínda hoxe, non hai día que non me atope nunha encrucillada. Pero se algo aprendín naquel proceso que emprendín (directamente ligado á enfermidade da miña nai e a súa percepción do tempo) é que «ser e estar» leva máis tempo e enerxía que «ter e facer». E que unha ten que ter moi claro cal é o seu propósito para non deixarse levar polas tentacións do outro lado.
Por iso, cando lin as declaracións de Oliver Laxe, nun deses momentos nos que simplemente non dou feito, de súpeto sentinme profundamente agradecida porque alguén se preocupase de lembrarnos que «parar e observar o mundo cun pouco de distancia» é un exercicio tan importante coma indispensable para poder sobrevivir na realidade que está por vir…