Silencio

La Voz de Galicia – 8 de febrero, 2026 →

Cristina PatoA obra 4’33’’de John Cage é unha desas composicións da música contemporánea que fixo historia por unha morea de razóns. Entre elas o feito de que a partitura impresa, que está dividida en tres movementos, pon simplemente tácet, un termo usado na música clásica para indicar un silencio prolongado; e a suma dos movementos é catro minutos e trinta e tres segundos de…“silencio”. E outra das razóns é que as súas primeiras interpretacións deron moito que falar no seu tempo (estreouse no 1952) pois non deixa de ser un exercicio complexo sobre o xeito que temos de escoitar e aceptar que é e non é música.

Esta semana, un compañeiro deu unha charla sobre a obra que me fixo reflexionar sobre como foi cambiando a miña perspectiva con respecto ao silencio durante os anos. Pois realmente non existe o silencio, sempre hai algo que soa, o propio Cage corroborouno cando visitou a sala anecoica da universidade de Harvard (un habitáculo que absorbe as ondas sonoras) e nese silencio escoitou a frecuencia dos sons do seu propio corpo.

Catro minutos e medio de silencio imposto fóra de contexto (fóra dunha biblioteca, dunha sala de espera, dunha igrexa, dunha aula) dan para moitos sons. E xa non falo dos sons que están arredor de nós e que non sempre somos conscientes de que os escoitamos (unha tose, un paxaro, o roce da roupa, o respirar, os coches pasar). Senón deses sons que están dentro de nós, e que ás veces non paran de aturularnos. Falo desa voz interior, a da nosa conciencia, que non deixa de falar e falar e que non é posible calar… Oxalá puidese calmar os sons dos meus pensamentos escribindo un tácet na miña partitura mental, aínda que fose por un segundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.