La Voz de Galicia – 3 de enero, 2020 →
Rematou un ano no que semella que todo foi tan posible coma imposible. Outro ano de desafíos migratorios, con máis de 12.300 menores estranxeiros baixo tutela no noso Estado (cales serán as historias dos menores que migran sós?). Outro ano de protestas e inxustizas: pensionistas en España, chalecos amarelos en Francia, tumultos en Chile e Colombia e Hong Kong e Bolivia e por suposto Cataluña, o curioso epicentro descentralizado das novas estatais. Outro ano no que as novas importantes resultaron esquecidas para dar paso ao sensacionalismo extremo dos microrrelatos violentos que alimentan á nosa sociedade. Outro ano no que o 26 % da poboación nacional viviu en risco de pobreza. No que o AVE de baixo custo (ou alto) non chegou a Galicia. No que formar goberno converteuse nunha viñeta diaria.
Pero non todo foi tan malo. Botando a vista atrás, estou segura de que todos nós somos capaces de lembrar un intre de beleza ou de felicidade no noso 2019 particular. Un momento no que pensamos «estou onde teño que estar», ou no que dixemos «podería ser peor», ou no que simplemente non nos doeu o peito ao respirar. Pois aínda que ás veces sexa imposible de ver, sempre hai algo positivo nas nosas vidas, por moi pequeno que sexa, sempre hai algo ao que poder aferrarse para seguir atopando as razóns polas que seguir avanzando no noso camiño vital, por moi tristes que esteamos.
Este foi o ano no que a Maruxa esqueceu o que era a lasaña, pero tamén foi o ano no que aprendemos a facela de novo. O ano no que vin o que non quería ser pero decidín o que serei. O ano no que me puxen coma propósito estes versos de Machado: «Hoy es siempre todavía, toda la vida es ahora».