La Voz de Galicia – 7 de abril, 2023 →
stas semanas estou lendo Caste: The Origins of Our Discontents (traducido coma Casta: a orixe do que nos divide), escrito pola norteamericana Isabel Wilkerson. Un ensaio revelador sobre a relación entre o poder e o racismo a través do «sistema encuberto» de castas (liñaxe) dos EE.UU. Un libro cheo de reflexións que fan a unha cuestionarse moitas cousas con respecto ás dúas culturas que habita. Wilkerson comeza facendo un repaso polas diferentes fontes que, ao longo dos séculos, exploraron esta idea das castas, entre elas as do antropólogo Ashley Montagu, que en 1942 argumentaba que a «mitoloxía da raza» é «unha invención humana, e non unha construción biolóxica», e que o problema radica «no sistema de castas». Tamén fala da lexislación norteamericana (das leis Jim Crow) e da súa influencia no nazismo, citando a «construción política da raza». E define as castas coma unha especie de «clasificación do valor humano».
Nun dos capítulos, Wilkerson define os «oito pilares das castas», e é aí onde fai unha pequena descrición da diferenza entre clase e casta que me deixou matinando uns días: un pode chegar a formar parte (ou deixar de formar parte) dunha clase social, pero un non pode deixar de formar parte dunha casta, pois a casta (para ben e para mal) é herdable. Entón comecei a pensar en que levo toda a miña vida confundindo os termos, que cando escribín a miña primeira novela, na que falo sobre a nobreza das clases invisibles, coido que me refería a esoutro sistema de castas tan presente na nosa terra, e tan relacionado coas inxustizas sociais arredor de nós… E coido que o problema da «casta dominante» é tan complexo coma universal…