La Voz de Galicia – 4 de septiembre, 2020 →
É complexo, pois a Maruxa estaba ilusionada por volver ao seu traballo, e aínda que sabiamos que a situación podía cambiar en calquera momento, non imaxinamos que ía cambiar tan rápido. Ela leva desde marzo sen recibir esa terapia que tanto ben lles fai a aqueles que perden a memoria, e que tanto ben nos fai aos que pretendemos mellorar as condicións de vida dun ser querido.
Durante os meses de confinamento tentamos de todo para manter a enerxía relacionada coas actividades de estimulación cognitiva, pero ao cabo dun tempo decateime de que, por moito que me esforzara, nunca conseguiría os mesmos resultados, pois hai unha parte fundamental nesas terapias que eu non lle podía ofrecer á miña nai: socializar.
Pasaron os meses e realmente pouco cambiaron as cousas para a meirande parte da poboación galega. Os nosos maiores, a nosa maioría máis poderosa, segue a ser a máis vulnerable e a primeira en sufrir tanto os gromos como as restricións. E agora que cidades coma Ourense ou Santiago, teñen que volver a pechar os centros de día para, entre outras cousas, limitar o xeito de socializar cos máis vulnerables co obxectivo de protexelos, eu pregúntome que é o que estamos a facer para que moitos deles non morran de pena este ano…
O comezo de curso vai ser complexo para todos, para os profesores, para os cativos, para os que non teñen traballo e para os que teñen traballo de máis. Seguirá sendo case imposible non preocuparse polas cousas que non podemos controlar; pero quizais non deberiamos esquecer que seguir cara adiante coas nosas vidas, adaptándonos á nova normalidade, é un privilexio que non todos se poden permitir. Especialmente os nosos maiores.