La Voz de Galicia – 9 de Febreiro, 2018 →
Ourense está entre as trinta provincias máis avellentadas de Europa, e non podo deixar de pensar na imaxe da demoledora soidade que ocupará toda Galicia no futuro. Unha imaxe que xa vemos decotío en todas as paradas urbanas e rurais, nos parques, en todas as ringleiras do médico, nos hospitais…
A idea da ministra da soidade nomeada polo Goberno do Reino Unido está directamente relacionada co impacto da parlamentaria Jo Cox, asasinada no 2016.
De feito, a comisión da soidade, que leva o seu nome, é a que traballa directamente no consello desta nova posición gobernamental. Antes de morrer, Jo Cox tiña deseñado un plan para xuntar a todas as organizacións e individuos que xa estaban a «loitar contra a soidade» no país. A comisión e o ministerio son consecuencias directas do seu activismo.
E é que os problemas relacionados cos efectos da soidade no ser humano poden ser mortais. A lista que cita a web da comisión é un recordatorio da realidade na que vivimos. E se nos paramos a pensar na realidade que nos espera na nosa terra, visiblemente avellentada, quizais un ministerio da soidade (do mesmo xeito que o temos para a igualdade) non sexa tan mala idea para Galicia…
Imaxinar unha institución pública preocupada por paliar os efectos directos e indirectos da soidade: a exclusión, a dependencia, a pobreza; e, xa de paso, fomentar a empatía… Imaxinar unha situación na que unha organización tipo a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN) sexa a encargada, como a Comisión Jo Cox, de dar consello a este ministerio para poder, entre todos, mellorar a nosa calidade de vida. Pois, como a mesma Cox dicía: «sexas novo ou vello, a soidade non discrimina».