Solo palabras…

La Voz de Galicia – 25 de xaneiro, 2026 →

Cristina PatoÉ curioso como hai palabras que adquiren un significado distinto en cada momento. Como unha mesma palabra pode, de súpeto, ter unha carga por completo diferente á que tiña onte, ou hai un minuto. Non falo da definición da palabra en si, senón do significado que lle damos a esa palabra cada un de nós en cada momento. Poñamos por exemplo as palabras morte, cancro, funeral, dó. Se algún de nós, neste preciso instante, temos algunha desas palabras cerca (un ser querido que morre, un ser querido ao que lle diagnostican unha enfermidade grave) entón a definición e o significado desas palabras cargan de repente co peso completo do mundo, co peso da nosa dor, da nosa preocupación, e durante un tempo quizais non poderemos ler ou expresar esas palabras sen relacionalas con ese ser querido, con esa dor.

A nosa linguaxe interior é algo difícil de expresar, en cada palabra pode habitar un universo enteiro. E aínda que acotío dicimos miles de palabras, moitas delas de paso (Ola, que tal?), a verdade é que no noso mundo interior as palabras non sempre son capaces de representar todo o que sentimos.

Relía esta semana un artigo do 2019 do meu compañeiro na universidade, o neurocientífico Kenneth S. Kosik, sobre a distancia que hai entre a nosa experiencia e as palabras que temos para expresala, sobre como nos falla a linguaxe. E aínda que o lin varias veces desde a súa publicación (pois utilizámolo na clase), desta volta quedei atascada nesta cita do escritor David Foster Wallace: “que estraño que eu poida ter todo isto dentro de min e que para ti sexan só palabras”. Preguntándome sen parar se somos “só palabras”, e se é así, que ou quen nos dá significado…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.