La Voz de Galicia – 1 de Decembro, 2017 →
Un amplificador bluetooth, máis pequeno có meu teléfono, vai comigo a todas partes. Descargo podcasts (alguén sabe da palabra en galego para os programas de radio feitos para consumir pola rede?) e vounos escoitando segundo o día. Gústame o amplificador porque enche o cuarto no que me toque durmir hoxe: sóame a casa, faime recordar o día a día de miña nai na cociña coa radio posta e os momentos nos que calar era imperativo. Crecín escoitando as notas necrolóxicas na radio co vapor das potas no lume e o cheiro a cocido.
No podcast que usei para acompañar o meu almorzo solitario falaban con Claude Steele, un psicólogo social americano que investigou durante anos o impacto dos estereotipos no mundo académico. Steele falaba do concepto da «ameaza do estereotipo», e fíxome pensar en cantos estereotipos habitamos e practicamos a diario sen darnos de conta. Engrénanse de tal xeito no noso sistema que acabamos crendo que a muller é o sexo débil ou que é peor en matemáticas (este era un dos experimentos do señor Steele).
Apaguei a radio e saín da casa. Ía de camiño ao consulado dun país X para solicitar un visado, chamei ao meu marido antes de entrar e así, medio de pasada, lembroume que a última vez que fora a ese consulado rematara nun hospital. Rin e colguei, pero a verdade é que a suxestión fixo efecto, e aínda que non rematei enferma, durante as dúas horas que esperei a miña quenda o meu corpo comezou a queixarse por todas partes. E entón pensei, se a suxestión inconsciente pode facer isto co corpo dunha, que estaremos a facer coa nosa percepción dos demais? Á fin e ao cabo os estereotipos non deixan de ser un xeito de suxestión colectiva.