Supersticiones

La Voz de Galicia – 24 de noviembre, 2023 →

Cristina PatoHoxe unha pomba chocou contra a miña ventá. Estaba eu sentada na miña mesa, escribindo neste ordenador, e de súpeto PUM!, un golpe seco e unha pomba esnafrada. Vivo nun quinto piso, e non fun quen de mirar pola fiestra para ver que pasou con ela. Non fun quen nin de baixar ao portal para ver se se podería salvar. Quedei alí pasmando, pensando na pomba e no golpe, e no feito de que nos vinte anos que levo neste apartamento nunca me pasara nada igual. Entón metinme nese labirinto sen sentido no que me meto ás veces, no labirinto dos pensamentos irracionais. Que se a pomba era un sinal, que se é mellor non saír á rúa hoxe, que seguro que trae mala sorte. Deille mil voltas ao tema (será por imaxinación!) e non fun capaz de quitarme a sensación de enriba, así que decidín, irracionalmente, que non sairía da casa en todo o día, por se acaso. Até que a Bimba, cun deses ladridos simples pero determinados, lembroume que a miña decisión previa non ía con ela, e que o seu paseo era máis importante cá miña nova superstición.

E saímos á rúa, e camiñamos un par de horas, e non pasou nada. E cando chegamos de novo ao portal deume por buscar no medio da beirarrúa os restos da pomba suicida. E peiteamos ben a zona, pero nin Bimba nin eu fomos capaces de achar ningunha proba da súa defunción. E do mesmo xeito que o día se tornara gris, de súpeto se tornou da cor verde do trevo de catro follas que me regalara a miña nai e que tiña plastificado facendo de marcapáxinas. O mesmo trevo que perdín onte, cando saín a ler ao parque, e o mesmo trevo que atopei hoxe mentres buscaba os restos dunha pomba á que probablemente non lle pasara nada cando chocou contra a miña ventá.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.