«Tempus fugit»

La Voz de Galicia – 29 de diciembre, 2023 →

Cristina PatoEstabamos sentadas no sofá da casa da miña nai. Estabamos apertadiñas, alí na sala de estar pequeniña, e eu pensaba que cando medramos alí as catro irmás nunca cuestionara o tamaño daquel sofá, nin o tamaño daquela sala, ou daquela mesa. E dou as grazas por ter crecido así. Pero a verdade é que cando dúas veces ao ano somos capaces de xuntarnos as catro irmás coas súas mulleres e maridos mais a seguinte xeración (composta por unha única muller), o espazo semella ser máis pequeno do que realmente é. Pero é máis que suficiente, porque para xuntarse só fai falta a vontade de xuntarse.

E esa vontade de xuntarse é para min cada vez máis complexa. Fóra do meu pequeno círculo particular, cada ano cústame máis facer vida social, cústame máis cultivar novas amizades, cústame saír da casa para ir tomar un café. E nestas festas de Nadal, cando de súpeto todo o mundo reaparece para retomar contacto, deume por reflexionar sobre se esta reticencia miña era nova ou xa estaba aí antes, cando a vida social era o motor da miña vida profesional. E por moitas voltas que lle daba ao tema, chegaba sempre á mesma conclusión: a grande diferenza entre hoxe e antes, é que hoxe teño a sensación de que son a dona do meu tempo (aínda que non sexa de todo verdade), e que por iso intento coidar dese tempo dun xeito máis activo do que o facía antes.

Tempus fugit. E precisamente porque cada día esfúmase coma se fora un segundo, eu farei do tempo o meu propósito do 2024, e tentarei gastalo no que sinta que o debo gastar. Pois aínda que sexa só unha ilusión, a única moeda que teño para sentir que esta vida é a que eu quero vivir, é poder facer do meu tempo o que me dea a gana…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.