Trampas digitales

La Voz de Galicia – 13 de junio, 2025 →

Cristina PatoCaín na trampa coma unha idiota. E iso que teño o límite de Instagram en 15 minutos ao día. Era un anuncio da crema que utilizo acotío, e que sempre merco en liña. Vin que tiñan un desconto do 20 % e como me facía falta repoñela, alá fun: ao enlace de Instagram, que me levou á web na que merquei a miña crema. Pero no momento no que confirmei o pago saíu unha mensaxe un pouco rara que me daba os parabéns e me dicía que o meu pedido xa estaba de camiño… E eu pensei, pero se acabo de mercalo! E entón entrei ao meu correo para ver a mensaxe de confirmación, e foi alí cando me decatei de que acababa de caer, coma unha tonta, nunha desas estafas nas que clonan a páxina web do produto orixinal facéndote crer que estás na páxina oficial, cando o que estás é regalándolle cartos a un estafador que nunca vai enviar o produto. E aínda que o que gastei (uns trinta euros) non era ningunha fortuna, a frustración por ter caído, e a sensación de impotencia, quedaron comigo uns cantos días…

Sempre houbo estafas e enganos. Sempre. Pero coido que hoxe en día, no mundo dixital, é máis difícil que nunca velos vir. E a pesar de que unha ten coidado, e que está ao día de que estas cousas pasan, a verdade é que caer é ben sinxelo, e non require nada máis que deixarse levar por un impulso momentáneo. As redes sociais son o que son. Quizais naceron coa premisa de conectarnos os uns cos outros, coa idea de compartir e crear comunidade, pero a realidade é que o que fan é roubar a nosa atención (e a nosa intimidade), vendernos produtos, e manipular os nosos pensamentos cunha perspectiva do mundo nesgada por un algoritmo cada vez máis poderoso, cada vez máis perigoso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.