La Voz de Galicia – 27 de agosto, 2021 →
Escribía o filósofo Byung-Chul Han, nun artigo publicado hai uns meses no diario El País, que «os medios sociais converten a cada un de nós en produtor, en empresario de si mesmo», e que «a propia presión por crecer e por producir extenúanos a todos».
Falaba tamén da idea de que «a depresión é un síntoma da sociedade do cansazo» e precisamente reflexionaba sobre ese concepto, convertido en libro hai unha década (A sociedade do cansazo), desde o punto de vista de hoxe, pois, como el mesmo mencionaba, «a depresión é a auténtica pandemia do presente».
Nestes días nos que a xente que pode permitirse ter vacacións está intentando desconectar, buscando ese momento de ocio que os transporte a un estado mental diferente, pregúntome que podemos facer para axudarnos a nós mesmos con respecto a esoutra pandemia da que fala o filósofo surcoreano. Pois o que está claro é que esa sensación (a do cansazo, a da apatía) está presente en moitos de nós, e ás veces, a pesar de tentar descansar e desconectar con tódalas nosas forzas, non somos capaces de liberarnos dela.
A reflexión de Byung-Chul Han fainos pensar no curioso que é que o que chamamos progreso nos leve a estar tan cansos, tanto no físico coma no mental, e na idea de que, aínda que para algúns este ano de pandemia significou unha pausa ou unha paréntese, para outros este foi un ano de transformación, de reformulación vital.
Pois hai unha parte da sociedade á que non lle quedou outra opción máis que transformarse, e precisamente por iso deberiamos ter esperanza. Pois reformular a vida é complexo, pero seguir cara a adiante coma se nada tivera pasado abócanos a repetir aquilo que sabemos que non nos fai ben.