Un globo

La Voz de Galicia – 12 de abril, 2026 →

Cristina Pato

Pasou un globo pola miña fiestra. Estaba eu na miña mesa, mirando para o ordenador, e de súpeto unha bola alaranxada, con puntiños de todas as cores, bailou diante de min. Foron uns segundos nada máis, pero o globo e o seu cordón, alardeándose da súa liberdade, inspirou en min un sorriso infinito. Levanteime correndo para ver a quen se lle escapara, sería un neno? alguén de aniversario? Mais non fun capaz de descubrilo, pois desde a ventá do meu quinto piso non chego a ver ben o que pasa na beirarrúa. Así que seguín o globo coa mirada até que a súa sombra desapareceu cara ao sur de Manhattan.

É curioso como unha parvada sen importancia pode ás veces cambiar o rumbo dun día. O globo levoume a fixarme na árbore que teño diante, esa que vexo todos os días, pero que non sempre vexo… Cando foi que brotou así? Xuro que antonte non estaba tan chea de flores. Pensei. E mirei para o ceo, coas nubes correndo co vento, e o sol, empurrando detrás delas, xogando a aparecer e desaparecer. Sol e sombra, sol e sombra. Quizais serían uns minutos, ou uns segundos, pero ese globo é a única lembranza que teño desa mañá. E que pasa co que fixen o resto das horas? Se cadra foron tan normais que non son quen de rememoralas.

Ás veces aparecen globos que interrompen a rutina coa súa beleza. Pero a meirande parte do tempo non pasa nada. E é aí cando unha ten que lembrase de, polo menos, intentar ver ou sentir algo que nos traia algo de alegría, ou de sorpresa, ou nos saque da rutina da supervivencia. Pois se non o facemos, os días pasan así, sen decatarnos, e de súpeto é domingo, e non sabemos moi ben que foi o que fixemos durante toda a semana… ademais de traballar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.