Un perfume

La Voz de Galicia – 10 de mayo, 2026 →

Cristina PatoEra a primeira vez que tiña un perfume caro. Non o mercara eu, regaláranmo nunha desas recepcións ás que adoitaban invitarme ao principio da miña carreira. Lembro que o gardaba coma ouro en pano, pois a idea de usalo acotío era un sacrilexio, e ademais era moi intenso. Pero nunca reparara niso até que de súpeto apareceu esta semana nunha desas limpezas miñas de primavera, desas nas que movo mobles e libros, e abro caixas e caixóns, e xorden cousas coma ese perfume. Aínda quedaba un cuarto do frasco, e cando o abrín para cheiralo pensei en como podía usar iso eu, se non é un olor que me guste. E foi aí cando lembrei o momento no que deixei de utilizalo: durante unha situación profesional relativamente incómoda (que non vou citar aquí), que me levou a cuestionar por que, naquela etapa da miña vida, decidín usar ese perfume para as ocasións especiais.

Ás veces dáme por pensar as razóns polas que facemos as cousas que facemos para amosarnos ao mundo. A roupa que levamos, os zapatos, os abelorios, o xeito que temos de expresarnos, a lingua que usamos ou deixamos de usar, todo suma para crear unha versión de nós que sentimos que nos representa, a pesar de que a meirande parte das veces o único que representamos é un relato inventado, un reflexo da realidade na que vivimos ou da que aspiramos a vivir.

Ese perfume caro supoño que simbolizaba algo para min (sabe Deus que pensaba eu hai vinte e cinco anos!), pero hei de recoñecer que igual que non o aturo agora, tampouco o aturaba antes. Así que deixei o frasco onde estaba, e agradecín o feito de que, cos anos, fun aprendendo a escoller as cousas non polo que representan, senón por gusto e comodidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.