La Voz de Galicia – 17 de mayo, 2026 →
«Unto vello fai mellor o caldo» é unha desas frases que lle escoito sempre á miña nai. A meirande parte das veces é a súa resposta a algunha broma que lle fago sobre o feito de que é unha octoxenaria; outras veces solta a frase porque si, porque nese momento pasóuselle algo pola cabeza que lle fixo lembrala. Esta semana, nunha desas conversas nosas por videoconferencia, pregunteille que quere dicir cando di esa frase, e para variar non me respondeu. Pero a pregunta deulle para contarme que na súa casa o unto nunca chegaba a vello porque non lle daba tempo, e que ás veces o seu pai tiña que traer touciño de Castela para completar o caldo porque xa non tiñan unto. E eu quedei matinando nas razóns polas que non lles chegaba o unto —«eramos oito todos os días, unha pota cada día»—, e preguntáballe se non era habitual pedirlle unto aos veciños, e ela respondía: «Só nas casas de ricos había unto vello».
A conversa seguiu. Díxenlle que quería escribir unha columna sobre iso, e ela musitou: «Pois xa ma lerás, que a min as túas columnas cústame moito lelas». E eu dígolle que escribo igual que falo, e ela di que nunca aprendeu a ler en galego, e que por iso lle custa tanto facelo… Ela, coma tantos outros da súa xeración e circunstancia, aprenderon a ler entre leiras e feiras, e esas lecturas, nesa época, non eran en galego.
A lingua falada da miña nai é ese caldo feito cun unto vello enchido de riqueza. E eu son consciente de que é imposible transmitir ese sabor tan complexo a través da escrita, pero, a pesar diso, intento facelo todas as semanas, a través destas columnas que tanto lle custa ler á muller que me ensina acotío a beleza do galego invisible.