Galician connection ofréceche un programa completo de actividades diferentes que te permitirán conectar cos demais inscritos e cos músicos convidados de xeito personalizado; coñecer as súas tradicións musicais e os seus proxectos, mergullarte no mundo da produción musical e aprender no directo; deixarte inspirar por iniciativas que pretenden educar a través das artes; observar o proceso completo de creación colectiva do concerto, e compartir o resultado deste diálogo musical. Creado e dirixido por Cristina Pato, producido por Nordesía.
PROGRAMA 2014
Un programa formativo a cargo de seis artistas internacionais, charlas, obradoiros, debates, e un gran concerto final no Museo Centro Gaiás. Esta é a oferta da terceira edición de Galician Connection, un laboratorio de música, pensamento e difusión creado e dirixido por unha das nosas figuras máis internacionais: Cristina Pato. Serán tres xornadas onde, ao redor da música, terán lugar actividades e accións relacionadas coa formación, a colaboración e o pensamento dos participantes en Galician Connection.
O Galician Connection 2014 contará con seis mestres musicais de alto nivel como o catalán Carles Benavent, un mestre na interpretación do baixo eléctrico e nome propio no mundo do jazz; o compositor, improvisador e intérprete de clarinete Kinan Azmeh desde Siria; o harpista colombiano Edmar Castañeda, integrador da harpa nos estilos jazz e latin; Abe Rábade, un dos pianistas galegos con máis proxección no panorama musical internacional; a voz multicultural da galego palestina Najla Shami; e o percusionista coruñés e un dos educadores máis emblemáticos de Galicia: Carlos Castro.
Programa formativo exclusivo
Galician Connection ofrece un innovador programa con foros de debate, asistencia a ensaios, clases prácticas e encontros «cara a cara» nos que os asistentes poderán compartir experiencias directas cos artistas convidados.
Xornada Educa
Xunto o programa formativo, o Galician Connection reflexionará sobre a presenza das artes na educación a través de iniciativas nacionais e internacionais que reivindican un papel máis significativo nos sistemas de ensino. A Xornada Educa contará coa presenza de Damian Woetzel, ex bailarín principal do New York City Ballet e actual asesor da Casa Branca en temas culturais; Xaime Fandiño, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; o programa Educabarrié co que a Fundación Barrié busca poñer en valor o talento compartido; e Antía G. Ben, quen presentará iniciativas pedagóxico-musicais novidosas.
Concerto
As experiencias de Galician Connection abriranse cara o público cun gran concerto final, o domingo 6 de abril, a cargo dos músicos convidados, que interpretarán os resultados dos tres días de experimentación e colaboración.
INSCRICIÓNS: www.cidadedacultura.org https://www.cidadedacultura.org/gl/evento/galician-connection14
e-mail para reserva de praza galicianconnection@cidadedacultura.org