A alegría

La Voz de Galicia – 2 de xullo, 2021 →

Cristina PatoA escritora Rosa Montero dicía nunha entrevista publicada hai algún tempo, que «a alegría (…) pódese fomentar cun exercicio de pensamento, cun exercicio de intentar vivir o momento». Falaba dentro do contexto relacionado coa publicación da súa novela La buena suerte, unha obra sobre o ben e o mal, na que tamén reflexiona sobre a idea de que «a alegría é un hábito».

Non sei se vos pasou a vos tamén, pero durante este ano foime máis difícil ca nunca poder estar no presente, nese «intentar vivir o momento» do que falaba Montero. Ao parar a miña actividade habitual, ao ter máis tempo para matinar, de súpeto apareceu o pasado para lembrarme tódalas cousas que fixen mal. E ao asumir a meditada decisión de cambiar radicalmente o rumbo da miña vida, de súpeto apareceu o futuro para lembrarme tódalas cousas que poden saír mal neste novo capítulo. E así, sen querelo, entre o pasado e o futuro, desaparéceme o presente case tódolos días.

Recuperalo precisa dedicación absoluta, e estou traballando niso. Pois tamén precisa tempo, tempo presente; no que sexamos conscientes do que temos arredor de nós, das cousas miúdas e aparentemente insignificantes que nos alegran a existencia acotío. E é que non é fácil aceptar que o único que hai seguro nesta vida, é este fermoso anaco de tempo no que estamos agora mesmo, ese que non queremos aceptar coma único e especial, ese que se nos escapa mentres miramos o móbil…

Quizais teña razón Rosa Montero, niso de que a alegría é un hábito; e se cadra vou intentar practicala acotío para ver se así son capaz de volver ao presente. Xa que, como dicía Marco Aurelio, «a felicidade depende da calidade dos teus pensamentos”…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.