A beleza

La Voz de Galicia – 25 de agosto, 2023 →

Cristina PatoÁs veces, cando veñen de visita amigos de fóra do país, aprendo de novo a explicar moitas das cousas da nosa contorna que xa son normais para nós, como por exemplo a desorde urbanística das cidades, ou o abandono do rural. E digo aprendo porque dependendo da idade da visita, ou da súa realidade social ou cultural, o seu xeito de formular preguntas sobre o porqué desa situación lévame a construír diferentes tipos de respostas no momento, todas elas máis ou menos improvisadas, máis ou menos informadas. Pero son esas preguntas dos que veñen de fóra as que máis me fan reflexionar sobre a normalidade dos edificios que non encaixan esteticamente no centro das cidades, das casas caídas no medio de calquera aldea, dos muros imposibles de ladrillo visto tanto no rural coma no urbano…

O outro día, cun destes amigos, sorprendinme a min mesma intentando responder á pregunta de «en que momento deixamos de coidar da beleza da contorna». De súpeto pensei na miña familia e en cantos anos tardamos en cubrir o ladrillo visto da casa da aldea e nas razóns polas que nos demoramos, ou no complexo proceso que supuxo cambiar as ventás da casa da miña nai no casco histórico de Ourense para que se axustaran ao canon. E con todo iso na cabeza escoiteime a min mesma dicir: «Ás veces coidar da beleza é un luxo, e non todos poden permitirse facelo». E en canto o dixen quedei matinando, e anotei as miñas palabras, pois non teño moi claro se iso é o que penso sobre o tema. O que si teño claro é que esta realidade visual forma parte do que somos, e nos define, e dalgún xeito, cada vez que nos preguntamos o porqué, sen axuizar, axudámonos a comprendernos un pouquiño máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.