A motivación

La Voz de Galicia – 21 de xuño, 2024 →

Cristina PatoFalaba coa miña nai sobre o que tiña pensado facer durante o día, e sobre a pouca gana que tiña de facer as cousas que non me fai tanta graza facer, como responder correos, ou lidar co traballo de oficina que vai ligado á vida do traballador independente no mundo das artes. Contáballe que eu o que quería era poder escribir todos os días, pero que a realidade é que probablemente escribir non sexa o que me dea de comer nun futuro, e que por iso hai días nos que sinto que todo o demais é máis importante, e deixo a escritura para o último momento do día, cando xa non me queda nin espazo mental nin enerxía para facelo. Entón ela quedou calada por un momento, e así, pensando, musitou: «A min non me pagaron por criarvos, mais sempre atopaba a forza e a motivación para facelo».

A conversa non foi longa, pero deixoume matinando toda a semana. A motivación é algo ben curioso, algo que aínda non conseguín descifrar, a pesar de que é o motor da miña vida. Acotío pregúntome como podemos conseguir facer as cousas que queremos facer a pesar das circunstancias, e como nos motivamos ou nos desmotivamos polo camiño. Pregúntome tamén cales son as razóns que nos levan a pór toda a nosa enerxía no que temos que facer, e cales son as que fan que deixemos o que queremos facer para un despois que ás veces nunca chega. Supoño que a supervivencia e o medo á incerteza fai que decidamos coller o piloto automático da vida, e que vaiamos deixando de lado todo aquilo que consideramos non produtivo, sen pararnos a reflexionar sobre o feito de que todo iso (ese paseo co Xan, esas dúas liñas nesa novela, esa conversa coa túa irmá, ese momento no xardín) é realmente a nosa vida.

1 Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.