La Voz de Galicia – 2 de outubro, 2020 →
Hoxe pensaba na idea de que ser amable xa parece unha acción radical. Pensaba na xente boa que me fun atopando nestes meses, e na sensación que lle produce a unha que alguén sexa amable e bondadoso porque si. E tamén pensaba no normalizada que está a violencia verbal (e física) na nosa sociedade, e no pronto que nos acostumamos a aceptala, aínda que non ofrece ningunha solución aos nosos problemas, nin tampouco nos fai sentir ben.
Hoxe celébrase un deses días internacionais que se supón que nos axudan a lembrar as cousas importantes: o Día Internacional da Non Violencia, que conmemora o aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi. E precisamente nestes tempos, nos que parece que enfadarse, discutir e arremeter contra todo está á orde do día, deberiamos recordar máis ca nunca as palabras que se lle atribúen: «Somos o reflexo do mundo. Tódalas tendencias actuais do mundo exterior atópanse no mundo do noso corpo. Se puideramos cambiarnos a nós mesmos, as tendencias do mundo tamén cambiarían…».
As Nacións Unidas estableceran este día co desexo de «asegurar unha cultura de paz, tolerancia, comprensión e non violencia», pero quen son os responsables de facelo? Quen dos nosos líderes políticos ou referentes culturais predica coa empatía, a bondade e a xenerosidade? E quen os escolle?
Nós somos o problema e tamén a solución. As inxustizas diarias, as incertezas, o medo ao virus, ou o medo a perder o pouco que temos lévannos, pouco a pouco, a caer na indolencia e na irascibilidade. Pero tamén podemos ser amables. Podemos, polo menos, xerar o cambio en nós mesmos para facer do noso micro mundo particular algo mellor… Por algo teremos que empezar.