A paciencia

La Voz de Galicia – 16 de agosto, 2024 →

Cristina PatoSegundo a segunda e a terceira acepción do dicionario da Real Academia Galega, a paciencia é a «calidade de quen atura as adversidades e as desgrazas sen rebelarse», e a «calidade do que ten tranquilidade para esperar». Para min a paciencia é tamén un misterio, algo que non sei moi ben como se aprende ou como se adquire, pero que no momento que comezas a practicala, no momento que forma parte da túa vida, todo parece máis levadío e menos grave. Mais tampouco sei como se practica a paciencia. Quizais cos anos imos adquirindo esa calidade, cando tomamos consciencia de que ás veces non podemos cambiar as circunstancias (ou cambiar o mundo), e temos que aceptar que as cousas só se conseguen pouco a pouco, con tempo, perseverando. Pero por desgraza non sempre somos capaces de que apareza a paciencia cando máis a necesitamos.

Supoño que a pandemia, ao seu xeito, obrigounos a practicar a paciencia na súa acepción de «ter tranquilidade para esperar». Pero agora o mundo é diferente, e por algunha razón semella que temos menos paciencia para afrontar o noso día a día. E non nos culpo a nós, senón a todo o que temos arredor que fai que cada día custe máis aceptar as circunstancias da nosa existencia, que fai que cada día perdamos a calma no noso intento de sobrevivir.

Coido que a impaciencia é máis contaxiosa que a paciencia. E que por moita paciencia que digamos que temos, probablemente sexa pouca. Mais para afrontar a realidade actual, a incerteza que nos rodea, a crispación xeral, e a falta de esperanza; non nos queda outra que seguir traballando para cambiar as cousas e darnos tempo para practicar a paciencia acotío, aínda que non saibamos como…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.