A soidade

La Voz de Galicia – 10 de xuño, 2022 →

Cristina PatoA soidade é unha desas palabras que probablemente provoque unha sensación diferente en cada un de nós. A «circunstancia de estar só», que é a primeira definición do dicionario da Real Academia Galega, é distinta ao «sentimento provocado por esa circunstancia», que é a segunda definición da RAG. E coido que ao que me refiro é precisamente a que esa «circunstancia» cada un de nós lévaa como pode, ou aprende a levala do mellor xeito posible.

Esta semana, paseando coa miña cadeliña Bimba, esa que fai que non me sinta tan soa cando me sinto soa, fomos por un deses parques con árbores que non teñen zona infantil, un deses parques nos que xeralmente só hai xente maior. Sempre me gustou pasear por eles, pois hai algo curioso no modo que temos de relacionarnos cando nos facemos vellos, pero tamén na maneira que temos de estar sós. Neste parque había grupiños de xente falando ou mirando á nada, e tamén había persoas soas: unhas que semellaban cómodas coa súa soidade, collendo o sol da tardiña, e outras que quizais non escolleran estar soas, ás que as súas circunstancias leváronas a ter que estar soas, a diferenza de querer estar soas, polo menos nese momento.

E eu ás veces pregúntome que deberiamos aprender sobre a soidade á hora de afrontar a vida, pois todos estamos sós nalgún momento da nosa existencia. Pero quen nos ensina a lidar co «sentimento provocado por esa circunstancia»? A realidade do noso futuro xa nos a está a amosar que estamos máis sós ca nunca, pero tentamos non estar sós de xeito diferente ao dos maiores no parque: nós co teléfono na man mirando o mundo a través del, e eles mirando o mundo cos seus propios ollos… Eu quedo con eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.