La Voz de Galicia – 12 de abril, 2019 →
Un 12 de abril de hai cincuenta e oito anos, o cosmonauta ruso Yuri Gagarin convertíase no primeiro ser humano en viaxar polo espazo exterior. Viaxaba no Vostok 1, e levoulle cento oito minutos engalar, dar unha volta ao globo terráqueo e aterrar. Agora que o penso, Gagarin tardou menos en orbitar a Terra no ano 1961 que eu en ir de Ourense a Lugo no 2019.Tal día coma hoxe comezaba unha nova era, a das viaxes espaciais. Un momento histórico que se celebra a través do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados. Unha iniciativa da ONU que pretende reafirmar o rol da ciencia e da tecnoloxía no benestar da sociedade, e asegurar que se cumpra o desexo de «reservar o espazo ultraterrestre para fins pacíficos».
Esa frase, que pechaba a resolución da Asemblea Xeral na que se establecía este día internacional, fixo que imaxinara as mil e unha razóns polas que a ONU quería lembrarnos que o uso do espazo ten que ser pacífico. Pois non deixa de ser curioso que a meirande parte dos grandes avances tecnolóxicos (GPS, Internet…) comezaran precisamente co fin contrario: coas guerras, coa destrución, coas invasións, coa loita polo poder. Non somos capaces de avanzar sen conflitos?
O ser humano é capaz de facer posible o imposible. Só ten que atopar unha razón de peso para querer mudar o mundo: se cadra, a sede de poder e conquista ten máis peso que a sede de igualdade e sostibilidade. A carreira espacial é tan necesaria para entender a nosa existencia como a carreira pola paz o é para existir. Fomos capaces de orbitar a Terra no 1961, de reservar o espazo exterior para a paz, e aquí, no chan, parece que non queremos deixar de pelexarnos.