Algoritmos e nós

La Voz de Galicia – 7 de junio, 2024 →

Cristina PatoQuizais sempre me sentín fascinada pola idea de poder ler o pensamento doutras persoas. Non tanto por querer saber o que están pensando, senón por ter a capacidade de unir as emocións que expresan coa súa cara e os seus corpos xunto cos pensamentos da súa cabeza. Aínda que hoxe en día, e canto máis o razoo, máis prefiro non saber que está pensando a xente, xa que nalgunhas ocasión, cando leo unha noticia por internet, sen querelo (ou querendo, non o sei) continúo a ver os comentarios, e aí, agochados tralo anonimato dun usuario cun nome diferente ao propio, aparecen os pensamentos máis tristes, crueis e complexos que unha se pode imaxinar. É curioso pensar no raro que resulta ás veces ler un comentario construtivo, ou unha reflexión; o normal son unha serie de insultos ou de frases que conteñen todos os ismos posibles, e que non sempre amosan que o usuario teña unha opinión formada, simplemente amosan a súa ira, o seu enfado, ou unha emoción.

Canto máis penso no futuro da nosa sociedade dentro do contexto da xa imparable intelixencia artificial, máis me preocupa que ese algoritmo que acabará dominando as nosas vidas se eduque ou aprenda precisamente deses comentarios, deses pensamentos de persoas anónimas (e non tan anónimas) que co filtro da maldade posto sacan o peor de si mesmas a través da palabra. Ou peor aínda, que aprenda de todas as imaxes de violencia (real e de ficción) que pululan polas redes sen control de ningún tipo. Pois ese algoritmo, ao tomar as mostras que lle facilitamos, cuspirá o que pensamos, ou o que lle dicimos que pensamos, a través dese mesmo filtro, e supoño que cada vez será máis difícil reeducalo, e iso si que da medo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.