La Voz de Galicia – 8 de xullo, 2022 →
Mañá, 9 de xullo, celébrase o Día Internacional da Destrución das Armas de Fogo. Un deses días que nacen coa idea de concienciarnos sobre o que significa que haxa armas de fogo ilegais arredor de nós, e que nos axuda a ver as cifras que se moven arredor do mercado ilícito de armas pequenas. Por exemplo, no ano 2020 a Garda Civil destruíu un total de 49.100 armas de fogo en España.
A verdade é que, con motivo da efeméride, aprendín un pouco sobre o número de armas de fogo en diferentes lugares do mundo, e sobre o traballo das diferentes organizacións que promoven accións para acabar co armamento ilícito. Pero tamén comecei a reflexionar sobre a realidade das armas de fogo legais, e sobre o que significa saber que, nalgunhas partes do mundo, coma nos Estados Unidos, hai máis armas que persoas. Segundo o proxecto de investigación independente de Small Arms Survey, no ano 2018 no mundo había «mil millóns de armas de fogo en circulación: 857 millóns en mans de civís, 133 millóns en arsenais militares e 23 millóns nas forzas de seguridade». A verdade é que esas cifras fan a unha matinar sobre a paixón pola destrución da condición humana, e sobre a orixe da necesidade de posuír unha ferramenta que acaba coa vida.
Cada lugar do mundo ten as súas peculiaridades, e, aínda que xeneralizar non ten sentido, a realidade é que o complexo tema das armas de fogo nos Estados Unidos é un dos grandes problemas da sociedade norteamericana. Pero vendo as cifras de Small Arms Survey, unha non deixa de pensar nas realidades doutras comunidades menos visibles, e no feito de que os civís fomos capaces de facernos con 857 millóns de instrumentos para rematar coa vida.