La Voz de Galicia – 27 de decembro, 2019 →
A Maruxa non tiña ningunha gana de vir á compra connosco. Tenteino de mil xeitos, pero como eran as catro da tarde, e estaba medio adormecida, pensei que era mellor que quedara, que por media hora non ía pasar nada.
Deixámola no sofá, coa radio posta e a cociña de leña acendida. Xan e mais eu marchamos facer a compra da comida de Nadal, e en menos de vinte minutos comecei a recibir mensaxes de miña irmá Raquel: «Onde tes o cadro da luz? Mami quedou sen luz e ándao buscando ás escuras». A nosa nai e o móbil enténdense o xusto: basicamente chama ao último número que a chamou, e menos mal que esa fora miña irmá.
Ao dar a volta vimos que toda a aldea (máis ben todo o concello) quedara sen luz. Ás cinco e media da tarde, a sete quilómetros de Ourense, a noite pecha non deixaba ver nada máis que o son do vento das ramas caídas. Puxemos candeas «normais» por toda a casa, pero a luz non volvía, así que na medianoite prendemos tamén as candeas da virxe de nonseique e da virxe de nonseionde que me trae miña irmá Yoly cando vai de romaría coa Maruxa.
Agora xa pasou. Para nós foron trinta horas sen luz, pero aínda hai aldeas con problemas de subministración eléctrica relacionados coa tormenta Fabien. E eu, co sol alumeando, e as ganas de desacordar os días de choiva, non quero esquecer que, segundo os medios, dos 60.000 fogares galegos que quedaron sen luz uns 30.000 recuperárona á metade do día, e 17.000 pasaron polo menos un día sen ela, dos cales 8.500 eran fogares do esquecido e maltratado rural de Ourense. E pregúntome como pasarían estes días sen luz todos aqueles maiores que viven sós no noso rural; aqueles que, ao contrario de miña nai, xa non teñen a quen chamar.