La Voz de Galicia – 6 de Xullo, 2018 →
Ía conducindo. Era unha desas estradas imposibles do esquecido rural de Ourense, e por un anaquiño fun capaz de centrarme en nada máis que nese intre: un coello parado na cuneta, cerdeiras enchidas de cor vermella, macela e fiúncho polas beiras dos muros, todos os verdes posibles, nubes grises e brancas e tamén avioletadas, e un gato manchado, e unha ducia de vacas… Beleza, todo era beleza. Entón respirei profundamente e entendín que, por un momento, fora capaz de desconectar, de ser persoa e respirar sen ningunha dor no peito.
Pensei na idea do que non vemos por estar tan ocupados co que temos que ver. Pois independentemente do traballo que unha teña, ser capaz de desconectar estase a tornar en algo incriblemente difícil. Se cadra, as vacacións son realmente unha utopía: canto máis se preocupa unha por desocupar a súa mente, menos descansa o seu corpo, e se o caso é ao revés (que unha decida desocupar o corpo) entón xa non hai acougo mental posible.A vida non colle vacacións, colle instantes de felicidade, de alegría, de tristura, de amor, de desamor, de tranquilidade, de paixón, de dor… Pero non colle vacacións. Os nosos problemas e os dos outros continúan, e as preocupacións forman parte do que somos.
Dos meus veráns da infancia só me lembro do bo: de recoller e coidar grilos, de pasear co can de palleiro, de estar cos meus, de bailar e cantar coa charanga do meu pai… e quizáis esa é a clave do significado das inexistentes vacacións dos adultos: estar aquí e agora, presente no momento que che toque, e saber desfrutar da beleza do que xa nin nos molestamos en apreciar a cotío.