La Voz de Galicia – 5 de xullo, 2024 →
Hai xente que, polas razóns que sexan, ten a capacidade de facernos sentir mal, ao igual que hai xente que ten a capacidade de facernos sentir ben. E é curioso pensar que os que nos fan sentir mal son os que máis espazo tenden a ocupar na nosa memoria e nas nosas emocións. Ben poderiamos lembrar só aos que nos fan sentir ben, e se cadra reproducir os seus xestos, pero dalgún xeito os malos ocupan máis, tanto na vida real coma na emocional. E nesoutra vida paralela do entretemento, non hai nada como consultar o menú da series máis vistas nas plataformas dixitais para decatarse de que os malos teñen o poder, e están por todas partes.
Coido que moitos de nós temos a capacidade de facer o ben e de facer o mal, e que ás veces son as circunstancias as que deciden que vaiamos por un camiño ou polo outro. Eu intento non perder a esperanza cando me atopo «contra» un deses personaxes que che fan sentir o peor de ti mesma, ou che fan sentir indefensa, ou simplemente pequena, moi pequena; pois ningún de nós se salva de ter feito sentir así a algunha persoa nalgún momento das nosas vidas. Pero non falo deses momentos puntuais, senón daquelas persoas cabais que collen, de xeito sistemático, o camiño da violencia, da cambadela, do facer mal por facer mal.
Por desgraza deses hai moitos. Pero tamén os hai dos outros. E cada día teño que facer o esforzo de esquecer aos primeiros para celebrar aos segundos, porque aínda que non queira, se os que me fan sentir mal se meten na miña cabeza, entón a vida resulta máis difícil, e que sentido ten que fiquen aí tamén? Oxalá puidésemos quedarnos só con aqueles que cos seus pequenos xestos cotiáns fan o mundo máis habitable.